Sunday 08 de September de 2024

Aberto o prazo de inscrición de postos na XV Feira Rural de San Sadurniño


A cita terá lugar no arboreto da Cortiña o sábado 31 de agosto

A Feira Rural de San Sadurniño converteuse xa nun referente para a promoción do medio rural como un medio vivo e con futuro. O sábado 31 de agosto celebrarase ao pé do paseo fluvial do Xubia a 15ª edición, que volverá combinar mercado da terra, concurso de froita, exposicións e unha chea de propostas paralelas para todas as idades que buscan iso, mostrar as oportunidades de desenvolvemento vencelladas ao agro e o medio ambiente. Os expositores e expositoras interesadas en asistir teñen ata o 23 de agosto para presentar as súas solicitudes.

A superficie máxima que se pode pedir son 15 metros liñais, agás no caso de viveiros e maquinaria agrícola, que poderán ocupar ata 20 metros de frontal no espazo que se lles asigne. As cotas están fixadas en 10€ ata 5 metros de frontal por 5 metros de fondo, 20€ de 6 a 15 metros por 6 metros de fondo e 30€ se o posto ten entre 16 e 20 metros liñais e 10 metros de fondo. As entidades sen fins de lucro poderán instalarse gratis, previa solicitude. As anteriores cotas incrementaranse en 5 euros máis se se solicita unha toma de electricidade, independentemente da superficie.

As peticións, coma sempre, teñen que cursarse cubrindo o formulario normalizado que proporciona o Concello, onde tamén figuran unhas pequenas normas de participación na feira, como por exemplo o horario de entrada no recinto, a obriga de ter o posto montado ata polo menos as 19:30h ou o requisito de garantir tanto a hixiene como a recollida dos refugallos que xere cada actividade.

As solicitudes poden achegarse por calquera das seguintes vías: presencialmente no Rexistro do Concello ou na Casa da Cultura -en horario de mañá de luns a venres-, na Sede electrónica municipal, ou ben mandándoo por correo postal ao enderezo “Concello de San Sadurniño. Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña”. O último día de prazo é o 23 de agosto.

O listado de postos admitidos publicarase o 26 de agosto na web municipal. A partir dese momento os expositores e expositoras deberán efectuar o pagamento da cota que lles corresponda. Os importes que toquen en cada caso -segundo a superficie e se se pide ou non punto de electricidade- poden satisfacerse presencialmente no Concello mediante TPV ou efectuando unha tranferencia bancaria á conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059, indicando no concepto “Inscrición Feira Rural” e o nome da persoa responsable do posto. Para acceder ao recinto na mañá do sábado 31 de agosto será necesario presentar o resgardo do pagamento.

Se se precisa máis información pódese contactar co departamento de Desenvolvemento local a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamar en horario de mañá de luns a venres ao 616 332 919.